Monday 06 de May de 2024

O Bono Turistico inxectou máis de 583.500 euros nesta ponte festiva con máis de 3.000 operacións


― As cifras amosan que é posible desfrutar do turismo con sentidiño e cumprindo tódalas medidas de prevención ante a covid

― Na primeira semana de decembro consumíronse máis de 655.300 euros, a terceira cifra máis elevada desde que se puxo en marcha a iniciativa en xuño e superando os rexistros dos meses de verán
― Esta medida pretende mobilizar 7,9M€ no sector turístico neste ano e está a reactivar o consumo turístico na tempada baixa con récord de gasto o pasado novembro con case 1,5 millóns de euros, seguido de outubro con máis de 1M€

― O programa, do que se beneficiaron 12.000 persoas, foi todo un éxito ao esgotar o seu crédito ás 12 horas de saír a convocatoria

O Bono Turístico inxectou máis de 583.500 euros na ponte festiva da Constitución, dende o venres ata este mércores, o que confirma a reactivación do sector en Galicia con esta medida pioneira, sobre todo na tempada baixa.

O gasto feito polos usuarios do bono nestes días festivos coincide cunha ocupación nos establecementos da comunidade ata o 80%, destacando por riba do 90% nos hoteis de 4 estrelas e superiores ou con servizos como spa e similares, xunto co turismo rural. Ademais, o sábado rozouse a plena ocupación en boa parte dos destinos galegos.

Entre o venres 3 de decembro e o mércores 8 realizáronse máis de 3.000 operacións nos case 1.200 aloxamentos adheridos á iniciativa e nos paquetes turísticos dispoñibles comercializados por axencias de viaxes.

Tanto os datos de ocupación turística como do consumo do bono turístico amosan que é posible facer turismo con sentidiño cumprindo tódolos protocolos sanitarios ante a covid.

O gasto feito polos usuarios nesta ponte confirma que se trata dunha medida moi beneficiosa para reactivar o turismo despois de meses de paralización por mor da pandemia. A Tarxeta Bono Turístico #QuedamosenGalicia é un exemplo do apoio da Xunta ao sector neste Xacobeo co obxectivo de reactivar a actividade e inxectar liquidez tras o impacto da covid. Ademais, permitiu manter os bos datos de ocupación durante todo o ano, e sobre todo nestes meses de tempada baixa converténdose nun importante elemento de desestacionalización da oferta.

De feito, só no mes de novembro supuxo un consumo de case 1,5 millóns de euros con récord mensual desde que se puxo en marcha o pasado xuño, seguido de máis de 1 millón contabilizado en outubro. No terceiro posto sitúase decembro, que só nesta primeira semana, rexistrou un consumo de máis de 655.300 euros, por riba das cifras de tódolos meses de verán. O prazo para consumir as tarxetas remata o próximo mércores 15 de decembro.

Aberto no mes de xuño ao público en xeral, os beneficiarios corren co 40% do gasto que realicen nos establecementos turísticos galegos, en tanto que a Xunta aporta o 60 % restante. As previsións da Xunta pasan por mobilizar a través do bono turístico 7,9 millóns de euros no sector en todo 2021. Máis de 12.000 persoas beneficiáronse desta medida pioneira que foi imitada noutras comunidades tras converterse en todo un éxito esgotando o crédito en apenas 12 horas desde que se abriu a convocatoria.